lunes, 20 de octubre de 2014

Miope espello de outono




E namentres haxa soños…Quedaran espellos
ou pode que sexa viceversa.

Saín da ducha e atopeime mirándome núa no espello
comecei a bailar
a ver como se movían
 as miñas carnes murchas, secas.

Sorrín, non recoñecía o corpo arrítmico
 que danzaba ao son
dos acordes desafinados da miña cabeza
pero si vin a nena viva en min.

E díxenme en voz alta:
-          Mírate Rochiña, mírate e recoñécete
a pequecha sigue contigo.

Entendín entón que facerse maior
é a preciosidade máis grande que nos da a vida
e máis se podemos gardar
dentro de nós
unha cativa que de cando en cando, fedella no espello.

Xa non temo o cristal reflectinte do baño
oo que miro miope polas mañás
non é el quen prolonga o mundo incerto
na súa vertixinosa tea de araña
que ás veces empaña a visión e o mirar.

É o hálito da persoa morta en vida
que se empeña en continuar
nun teatro armado socialmente
no que todo acontece
e pouco se lembra
que logo escribimos de esquerda a dereita
ou de dereita a esquerda?

Ah a dislexia incluída ata no ilusorio
nunha mañá de outono
da que non quería espertar
e foi ela, a nena, a pequerrecha.

Dende aquela
quedoume a incerteza
de mirarme e perdela.


Foto: Da rede






No hay comentarios:

Publicar un comentario